O ANEL
O ANEL
Descúbreo na clínica interactiva
Vídeos
explicativos
Animacións 3D
dalle ó play e escolle
Preservativo
masculino
Preservativo
feminino
Diafragma
Capuchón
cervical
Esponxa
vaxinal
Espermicidas
Pílula
Parche
Anel
Hai máis métodos esperándote
Pílula só
xestáxenos
Inxección
trimestral
Implante
DIU
DIU
hormonal
Ligadura
tubárica
Oclusión
tubárica
Vasectomía
Métodos
naturais
ENDEREZO
Rúa Echegaray, 8
36002 / Pontevedra
CONTACTO
email: info@sogac.org
web: www.sogac.org
Copyright © 2021 SOGAC. Todos os dereitos reservados.
¿En que consiste?
É un método anticonceptivo hormonal de uso mensual. Consiste nun
anel flexible de plástico, de 5 cm de diámetro e 4 mm de grosor, que
se introduce na vaxina liberando estróxenos e proxestáxenos,
hormonas similares ás que produce o ovario nun ciclo natural.
Suprime a ovulación, impedindo así que en cada ciclo o ovario libere
un óvulo maduro que poida ser fecundado polos espermatozoides.
¿Cómo se utiliza?
-Habitualmente colócase o anel o primeiro día de regra (día 1 do ciclo).
-Para introducir o anel na vaxina, elixe unha posición que che resulte cómoda (apoiando un pé
no inodoro, agachada, sentada ou deitada). Lava as mans con auga e xabón, colle o anel entre
os dedos índice e polgar, unindo ambos lados, e introdúceo suavemente na vaxina.
-O anel permanece na vaxina durante 3 semanas (21 días).
-Unha vez transcorridas 3 semanas, retira o anel da vaxina e deixa unha semana de descanso
(sen anel), completando así un ciclo de 4 semanas (28 días). No período de descanso adoita
aparecer o sangrado, que adoita ser máis curto e escaso que a menstruación habitual.
-Tras finalizar o período de descanso, volve a colocar un novo anel, iniciando así o seguinte
ciclo.
-Nunca debe alongarse o período de descanso máis alá de 7 días. A colocación e a extracción
do anel deben coincidir sempre no mesmo día da semana.
-O anel non debe estar fóra da vaxina máis de 3 horas. Se se cae ou o retiras, debes
lavalo con auga fría ou morna (nunca auga quente), sen usar xabón, e introducilo de novo
na vaxina.
Eficacia
-Ten unha elevada eficacia para evitar un embarazo non desexado, aínda que
esta eficacia é menor comparada con outros métodos, coma o DIU, o implante
e a esterilización masculina ou feminina. O principal inconveniente do anel é
que depende dun correcto cumprimento da muller. Os erros e esquecementos
son frecuentes, diminuíndo así eficacia do método.
-O índice de Pearl (nº de embarazos/100 mulleres-ano) é de:
- 9 na poboación xeral (uso típico)
- 0,3 naquelas mulleres que a usan sempre de forma correcta e sistemática,
sen esquecementos (uso perfecto)
-Para aumentar á súa eficacia anticonceptiva, é recomendable o emprego
conxunto co preservativo (dobre método). Co preservativo obteremos unha
elevada protección sobre as infeccións de transmisión sexual (ITS), e asociado
co anel aumentaremos a eficacia anticonceptiva.
Beneficios
-Diminución da dor e do sangrado menstrual.
-Melloría do acne e o hirsutismo.
-Adecuado control do ciclo menstrual.
-Melloría do síndrome premenstrual.
-Diminúen o risco de cancro de ovario, endometrio e colon.
-Diminúen o risco de enfermidade inflamatoria pélvica.
-Na premenopausa, diminúe a perda de masa ósea e o risco de
osteoporose.
Inconvenientes
-Aumenta a aparición de problemas cardiocirculatorios, especialmente
en mulleres de risco (fumadoras, obesas, hipertensas ou con
problemas de coagulación hereditarios).
-Pode producir síntomas como dor de cabeza, sensibilidade mamaria,
náuseas, malestar de estómago, pernas pesadas ou aumento do fluxo
vaxinal.
-Poden aparecer sangrados intermenstruais, especialmente durante
os tres primeiros meses de uso.
Contraindicacións
-Fumadoras maiores de 35 anos.
-Obesidade (IMC>35).
-Hipertensión arterial.
-Migrañas con aura.
-Diabete de longa evolución ou asociada a complicacións.
-Enfermidade cardiovascular coñecida.
-Mutacións hereditarias nos factores de coagulación ou sospeita deles (antecedente
de episodio trombótico en familiar de primeiro grao antes dos 45 anos).
-Lupus eritematoso sistémico con anticorpos antifosfolípidos positivos ou
descoñecidos.
-Enfermidade hepática.
-Inmobilización prolongada.
-Primeiras 3 semanas postparto (6 semanas se hai outros factores de risco
cardiovascular)
-Lactación materna nos 6 primeiros meses.
-Cancro de mama actual ou pasado.
-Toma de fármacos antiepilépticos ou certos antibióticos, como a rifampicina.
1. ¿Que vantaxes e desvantaxes ten o uso do anel respecto á pílula e ó parche?
- Maior comodidade do uso mensual respecto á toma diaria, o que pode favorecer un mellor cumprimento.
-Os vómitos e diarrea non afectan á eficacia do anel, ó contrario do que sucede coa pílula.
-Excelente control do ciclo, superior incluso á pílula e ó parche.
-Maior privacidade que a pílula e o parche.
-Método non financiado. Prezo máis elevado que a pílula, similar ó parche.
2. ¿Podo notalo se o levo posto?
Non. O anel é un método que destaca pola súa comodidade, xa que mentres o levas colocado na vaxina
non notas nada.
3. ¿Pode caerse o anel mentres o levo posto?
-A expulsión inadvertida do anel unha vez colocado na vaxina é moi rara. O anel non cae espontaneamente, xa
que a musculatura que hai na parte inferior da vaxina o impide.
-Se se produce unha expulsión accidental, o anel debe volver a colocarse na vaxina antes de que pasen 3 horas,
lavándoo previamente con auga fría ou morna (nunca quente), e sen usar xabón .
-Se pasaron máis de 3 horas, existe risco de embarazo. Débese colocar de novo o anel e empregar un método
anticonceptivo adicional (preservativo) durante 7 días. Se mantiveches relacións sen protección neste período,
é recomendable usar a anticoncepción de urxencia (pílula postcoital ou DIU).
4. ¿Podo facer deporte ou ir á piscina co anel?
Si, o uso do anel é compatible coa realización de actividades deportivas, incluída a natación.
5. ¿Podo usar tampóns co anel vaxinal?
-Si, o anel é compatible co uso de tampóns.
-Debes ter coidado cando retires o tampón para non arrastrar con el o anel. Se este sae fóra da vaxina, lávao con
auga fría ou morna (nunca quente), sen xabón, e volve a introducilo na vaxina.
6. ¿É efectivo o anel en caso de vómitos ou diarrea?
Si, porque a absorción das hormonas que leva faise a través da mucosa vaxinal. Ó contrario do que sucede
no caso da pílula, co anel non fai falla usar un método anticonceptivo adicional no caso de vómitos ou
diarrea.
7. ¿Qué debo facer se retiro o anel ou se cae?
-Se pasaron menos de 3 horas, débese colocar de novo. Non existe risco de embarazo, polo que non é
necesario empregar un método anticonceptivo adicional
-Se pasaron máis de 3 horas, existe risco de embarazo. Débese colocar de novo o anel e empregar un
método anticonceptivo adicional (preservativo) durante 7 días. Se mantiveches relacións sen protección
neste período, é recomendable usar a anticoncepción de urxencia (pílula postcoital ou DIU).
-Antes de volver a colocar o anel na vaxina, debe lavarse con auga fría ou morna (nunca quente), sen usar
xabón.
8. ¿Qué debo facer se me esquecín de cambiar o anel?
-Se pasaron menos de 28 días (4 semanas) desde a súa inserción, débese descansar 7 días e a continuación
colocar un novo anel. Non existe risco de embarazo, polo que non é necesario empregar un método
anticonceptivo adicional.
-Se pasaron máis de 28 días (4 semanas) desde a súa inserción, existe risco de embarazo. Débese cambiar
por un novo anel e empregar un método anticonceptivo adicional (preservativo) durante 7 días. Se
mantiveches relacións sen protección neste período, é recomendable usar a anticoncepción de urxencia
(pílula postcoital ou DIU).
9. ¿Que debo facer se prolongo o descanso máis de 7 días?
Se se prolonga o período de descanso durante máis de 7 días, existe risco de embarazo. Débese colocar
un novo anel e empregar un método anticonceptivo adicional (preservativo) durante 7 días. Se
mantiveches relacións sen protección neste período, é recomendable usar a anticoncepción de urxencia
(pílula postcoital ou DIU).
10. ¿É compatible co uso do preservativo?
Si. Ó igual que os outros métodos anticonceptivos hormonais, o anel non protexe contra as infeccións de
transmisión sexual (ITS). Polo tanto, para conseguir unha adecuada protección, débese usar tamén sempre
o preservativo.
11. ¿É compatible co uso de óvulos ou cremas vaxinais?
Si. O uso de óvulos ou cremas vaxinais non afecta á efectividade do anel.
12. ¿Pode interferir nas relacións sexuais?
A grande maioría das parellas non notan o anel durante as relacións sexuais. Se ti ou a túa parella notades o
anel e vos resulta incómodo, pódese retirar o anel antes do coito. Debes acordarte sempre de volver a
colocar o anel antes de que pasen 3 horas, lavándoo previamente con auga fría ou morna (nunca quente), e
sen usar xabón.
13. ¿Que requisitos son necesarios para usar o anel?
É recomendable unha entrevista clínica cun profesional sanitario para:
-Descartar que existan contraindicacións para empregar o anel.
-Facer unha toma de tensión arterial, para descartar hipertensión.
-Asesorar sobre o método e resolver posibles dúbidas.
14. ¿Que controis hai que facer tras comezar a usar o anel?
-É recomendable facer unha toma da tensión arterial, xa que ata un 2% das mulleres poden desenvolver
hipertensión durante o primeiro ano de uso. Posteriormente, débese controlar a tensión arterial coa
mesma periodicidade que o resto da poboación.
-Aínda que non é imprescindible, unha visita de control ós 2-3 meses pode resultar beneficiosa para aclarar
posibles dúbidas e comprobar que o anel se está utilizando de forma correcta.
-Sempre se debe acudir a consulta ante calquera dúbida ou problema.
15. ¿Cales son os efectos secundarios máis frecuentes?
-Náuseas ou vómitos: máis habituais nos primeiros días de uso.
-Dor de cabeza: poden aparecer durante os primeiros días de uso. Se persisten, débese valorar un cambio
de método.
-Molestias mamarias: habitualmente melloran co paso do tempo.
-Aumento do fluxo vaxinal: é habitual co uso do anel. Non indica infección, e se non é molesto non é
necesario tratalo.
-Sangrado irregular (spotting): máis frecuente nos 3 primeiros meses. Non indica perda de eficacia, nin
ten risco de anemia. Se o sangrado persiste máis de 3 meses, débese valorar o cambio a outro método
anticonceptivo distinto.
-Ausencia de sangrado na semana de descanso: pode acontecer cando se leva empregado o anel
durante moito tempo. Se o anel se utilizou adecuadamente, sen esquecementos, non é necesario facer
unha proba de embarazo. Se a falta de regra ocorre de forma frecuente e preocupa á muller, pódese valorar
un cambio de método.
16. ¿Produce aumento de peso?
Non. Na grande maioría dos casos non se producen cambios significativos de peso.
17. ¿Cal é o risco cardiovascular asociado ó anel?
-O anel aumenta o risco tanto o risco de enfermidade tromboembólica arterial (infarto de miocardio, ictus)
como venoso (trombose venosa profundo, embolia pulmonar).
-Para minimizar este risco, é importante unha adecuada historia clínica para descartar contraindicacións
para o emprego do anel.
-O risco de tromboembolismo dunha muller utilizando o anel é menor que durante o embarazo ou o
postparto.
-A mortalidade global das mulleres que empregan anticoncepción hormonal combinada é menor que as
non usuarias.
O risco de tromboembolismo venoso estímase en:
-4-5/10.000 mulleres-ano en non usuarias.
-8-9/10.000 mulleres-ano en usuarias de anticoncepción hormonal.
-29/10.000 mulleres-ano no embarazo.
-300-400/10.000 mulleres-ano no postparto.
18. ¿Poden certos fármacos diminuír a eficacia do anel?
Si. Certos medicamentos poden diminuír a eficacia do anel:
-Antiepilépticos e barbitúricos: fenitoína, fenobarbital, clorpromazina, carbamazepina, oxcarbamazepina,
topiramato, primidona, etosuximida. Ademais, o uso de anticonceptivos pode alterar o nivel plasmático e a
eficacia de certos fármacos antiepilépticos.
-Antibióticos: rifampicina, rifabutina, griseofluvina.
-Antirretrovirais: inhibidores da proteasa reforzados con ritonavir. Ademais, os anticonceptivos poden
incrementar a toxicidade de certos antirretrovirais.
-Herba de San Xoán.
19. ¿Cando se debe iniciar a colocación do anel?
Existen 2 opcións:
-Habitualmente colócase o primeiro día de regra (día 1 do ciclo menstrual). Desta forma o anel é efectivo
desde o primeiro día, polo que non é necesario usar ningún método anticonceptivo adicional.
-Tamén se pode colocar en calquera momento do ciclo (quick start), sempre que se teña descartado a
existencia dun embarazo. Usado así o anel tarda 7 días en ser efectivo, polo que durante a primeira
semana débese empregar un método anticonceptivo adicional (preservativo), no caso de ter relacións
coitais.
20. ¿A partir de qué momento xa é eficaz?
-Se se comeza a usar o primeiro día de regra, xa é eficaz desde o primeiro día.
-Se se comeza a usar noutro momento do ciclo, tarda 7 días en ser eficaz. Polo tanto, nos primeiros 7 días é
necesario usar outro método anticonceptivo adicional (preservativo), se se manteñen relacións sexuais.
21. ¿Debe empregarse outro método durante a semana de descanso?
Non é necesario. Se se usa o anel a adecuadamente, non hai risco de embarazo na semana de descanso.
22. Se levo tempo usando usando o anel, ¿debo facer un período de descanso?
-Non. Os períodos de descanso, se non se usa adecuadamente outro método anticonceptivo, aumentan o
risco dun embarazo non desexado.
-O anel pódese seguir usando sen un límite máximo de tempo sempre que se estea a gusto con ela e non
existan contraindicacións médicas.
23. ¿Pódese usar o anel de forma continuada, sen semana de descanso?
-Si. Certas mulleres poden beneficiarse de non ter menstruacións, tanto por razón médicas (endometriose,
síndrome premenstrual severo, hiperandroxenismo, anemia ou dor menstrual severa, etc.), coma por
motivos laborais ou preferencias persoais.
-O emprego do anel de forma continuada é seguro e eficaz, sempre que non se interrompa o seu uso
durante máis de 7 días.
-Poden aparecer con máis frecuencia pequenos sangrados irregulares (spotting), sobre todo os 3 primeiros
meses, aínda que o número total de días de sangrado durante un ano de uso soe ser menor.
-Unha variante do uso continuo son os coñecidos como “ciclos prolongados”, que consisten en facer cada 2-
3 meses un descanso de 7 días, tendo así a regra cada 2-3 meses.
-Cando se emprega o anel de forma continua, sen descansos, e aparecen durante 3 días consecutivos
sangrado persistente ou molestias tipo regra, é recomendable facer 7 días de descanso para que cesen os
síntomas. Posteriormente volverase a usar o anel de forma continua.
24. ¿Qué ocorre se non me vén a regra na semana de descanso?
-A falta de regra na semana de descanso pode acontecer cando se leva empregando o anel durante moito
tempo.
-Se se usou anel adecuadamente, sen esquecementos, non é necesario facer unha proba de embarazo.
-Se a falta de regra ocorre de forma frecuente e preocupa á muller, pódese valorar un cambio de método
anticonceptivo.
25. ¿Existe un límite de idade para usar o anel?
-Non. En ausencia de contraindicacións, o anel pode usarse ata a menopausa.
-De todas formas, algunhas sociedades científicas aconsellan non usalo máis alá dos 50 anos, xa que a
partir desta idade a probabilidade de embarazo é moi baixa, e o anel aumenta o risco cardiovascular.
26. ¿Poden usalo as adolescentes?
-As adolescentes, coma o resto das mulleres, poden usar o anel sempre que non existan contraindicacións.
27. ¿Que pasa se coloco o anel estando embarazada?
Non existe evidencia de que o anel produza malformacións no bebé ou complicacións no embarazo. De
todas formas, o anel débese deixar de utilizar.
28. ¿Pode causar infertilidade?
Non. A anticoncepción hormonal non afecta á fertilidade posterior.
29. ¿Protexe fronte as infeccións de transmisión sexual (ITS)?
Non. O preservativo é o único método que protexe fronte as ITS. Polo tanto, nas relacións de risco, débese
usar tamén sempre o preservativo.
30. ¿Ten efecto sobre o desexo sexual?
Na maior parte das mulleres a función sexual non experimenta cambios e incluso mellora, xa que
desaparece o medo un embarazo non desexado. Non obstante, nunha minoría de mulleres pode ocasionar
diminución do desexo sexual.