A INXECCIÓN TRIMESTRAL
A INXECCIÓN TRIMESTRAL
Descúbreo na clínica interactiva
Vídeos
explicativos
Animacións 3D
dalle ó play e escolle
Preservativo
masculino
Preservativo
feminino
Diafragma
Capuchón
cervical
Esponxa
vaxinal
Espermicidas
Pílula
Parche
Anel
Hai máis métodos esperándote
Pílula só
xestáxenos
Inxección
trimestral
Implante
DIU
DIU
hormonal
Ligadura
tubárica
Oclusión
tubárica
Vasectomía
Métodos
naturais
ENDEREZO
Rúa Echegaray, 8
36002 / Pontevedra
CONTACTO
email: info@sogac.org
web: www.sogac.org
Copyright © 2021 SOGAC. Todos os dereitos reservados.
¿En que consiste?
-É unha inxección con efecto anticonceptivo que se administra cada
12 semanas. Contén unha hormona similar á proxesterona que
produce o ovario nun ciclo natural.
-Suprime a ovulación, impedindo así que en cada ciclo o ovario libere
un óvulo maduro que poida ser fecundado polos espermatozoides.
¿Cómo se utiliza?
-O preparado debe axitarse antes de usarse para conseguir unha suspensión
uniforme. Débese realizar unha inxección intramuscular profunda no glúteo ou
no deltoides.
-A primeira inxección adminístrase entre os días 1º e 7º de regra.
-As seguintes inxeccións adminístranse ás 12 semanas da anterior.
-As inxeccións pódense adiantar ou atrasar ata 15 días respecto da data
indicada sen perder a súa eficacia anticonceptiva.
Eficacia
-Ten unha elevada eficacia para evitar un embarazo non desexado, aínda que
esta eficacia é menor comparada con outros métodos, como o DIU, o implante
e a esterilización masculina ou feminina. O principal inconveniente da inxección
é que depende dun correcto cumprimento por parte da muller. Os erros e
esquecementos son frecuentes, diminuíndo así a eficacia do método.
-O índice de Pearl (nº de embarazos/100 mulleres-ano) é de:
- 6 na poboación xeral (uso típico)
- 0,2 naquelas mulleres que a usan sempre de forma correcta e sistemática,
sen esquecementos (uso perfecto)
-Para aumentar a súa eficacia anticonceptiva, é recomendable o uso conxunto
co preservativo (dobre método). Co preservativo obteremos unha elevada
protección sobre as infeccións de transmisión sexual (ETS), e asociado á
inxección aumentaremos a eficacia anticonceptiva.
Beneficios
-Alta eficacia anticonceptiva e longa duración
-Método seguro, simple e discreto, non interfire nas relacións
-Evita a necesidade dunha toma diaria, como no caso da pílula
-Método financiado e de baixo prezo
-Non contén estróxenos, polo que se pode utilizar en mulleres nos que
estes están contraindicados (por exemplo, durante a lactación)
-Gran diminución da dor e do sangrado menstrual, con melloría da
anemia
-Melloría da dor crónica nos casos de endometriose
-En mulleres institucionalizadas ou con discapacidade favorece a
hixiene persoal ao practicamente desaparecer o sangrado menstrual
-Redución do cancro de endometrio e ovario
-Redución do risco de enfermidade inflamatoria pélvica
Inconvenientes
-Produce con frecuencia ausencia de regra (na metade das mulleres
ao ano de uso), ou sangrado irregular.
-Pode producir síntomas como dor de cabeza, náuseas, mareos,
sensibilidade mamaria, acne, caída de pelo, aumento da lanuxe,
cambios no estado de ánimo, aumento de peso ou reaccións locais
no lugar de inxección.
-Pode producir unha perda de masa de masa ósea, que se recupera
tras suspender o seu uso.
-Non protexe das infeccións de transmisión sexual, polo que se
deberá empregar o preservativo se hai risco de contaxio.
Contraindicacións
-Lactación materna nas primeiras 6 semanas postparto.
-Intención de quedar embarazada en menos dun ano (posto que o retorno
á fertilidade pódese atrasar)
-Hipertensión arterial ≥ 160/100
-Diabete de longa evolución ou asociada a complicacións
-Enfermidade cardiovascular coñecida
-Múltiples factores de risco de enfermidade cardiovascular
-Lupus eritematoso sistémico con anticorpos antifosfolípidos
positivos/descoñecidos ou trombocitopenia severa
-Cirrose grave ou tumor hepático
-Toma de medicamentos para a síndrome de Cushing.
-Osteoporose coñecida ou risco de fractura (anorexia nerviosa, artrite
reumatoide, tratamento crónico con corticoides…)
-Cancro de mama actual ou pasado
1. ¿Que requisitos son necesarios para usar a inxección?
É recomendable unha entrevista clínica cun profesional sanitario para:
-Descartar que existan contraindicacións para usar a inxección.
-Facer unha toma de tensión arterial, para descartar hipertensión.
-Asesorar sobre o método, explicando os cambios no patrón de sangrado, e resolver posibles dúbidas.
2. ¿Que controis se debe realizar tras empezar a usar a inxección?
-Aínda que non é imprescindible, unha visita de control aos 3 meses pode resultar beneficiosa para aclarar
posibles dúbidas e comprobar que a inxección se está usando de forma correcta.
-Sempre se debe acudir a consulta ante calquera dúbida ou problema.
3. ¿Cales son os efectos secundarios máis frecuentes?
-Náuseas, dor de cabeza, molestias mamarias: poden aparecer durante os primeiros días de uso. Se persisten,
débese valorar un cambio de método.
-Sangrado irregular: máis frecuente nos primeiros meses, tendendo a diminuír en frecuencia e intensidade co
tempo. Non indica perda de eficacia, nin ten risco de anemia. Aproximadamente o 25% das mulleres abandona o
uso da inxección o primeiro ano por estar incómodas co patrón de sangrado.
-Ausencia de regra (amenorrea): aumenta co tempo de uso (25% aos 6 meses, 50% ao ano, ata chegar a un 80% co
uso continuado). Non ten efectos prexudiciais para a saúde, e pode representar unha vantaxe para moitas mulleres.
-Aumento de peso: sitúase de media ao redor do 2 kg ao ano de uso. Debes coidar a dieta e realizar exercicio para
contrarrestalo.
-Perda de masa ósea: similar á que se produce durante o embarazo e a lactación, reversible cando se suspende o
seu uso. Aínda que esta perda de masa ósea non se ten asociado a un aumento do risco de fracturas, en pacientes
con osteoporose establecida ou de alto risco (anorexia nerviosa, artrite reumatoide, tratamento crónico con
corticoides…) non se recomenda a inxección como método anticonceptivo.
-Atraso no retorno á fertilidade: pódese atrasar de 6 a 10 meses desde a última inxección. O atraso no retorno á
ovulación non se relaciona co tempo de uso, e é maior nas mulleres con sobrepeso, podendo chegar nunha
pequena porcentaxe de casos aos 15 meses. De todos modos, máis do 80 % das mulleres quedan embarazadas nos
12 meses posteriores á última inxección.
-Acne, caída de pelo, aumento da lanuxe: preséntanse con menor frecuencia, sendo a maioría das veces de
carácter leve.
-Alteracións do estado de ánimo: poden aparecer nunha pequena porcentaxe de mulleres. De todas formas,
sufrir unha depresión no pasado non contraindica o uso da inxección.
4. ¿Produce aumento de peso?
Aínda que non se demostrou en todos os estudos, a inxección parece asociarse a un incremento medio de
peso ao redor do 2 kg ao ano de uso. Debes coidar a dieta e realizar exercicio para contrarrestalo.
5. ¿Que debo facer se me esquecín de poñer a inxección?
-A inxección debe administrarse cada 12 semanas.
-Se se administra a inxección nos 15 días posteriores á data indicada, non é necesario utilizar un método
anticonceptivo adicional.
-Se transcorreron máis de 15 días da data indicada (máis de 14 semanas desde a última inxección), débese
administrar a inxección e usar un método anticonceptivo adicional durante 7 días. Se mantiveches relacións
neste período, é recomendable usar a anticoncepción de urxencia (pílula postcoital ou DIU).
6. ¿É efectiva a inxección en caso de vómitos ou diarrea?
-Si, posto que a súa absorción non se ve alterada, como ocorre no caso da pílula.
7. ¿Poden certos fármacos diminuír a eficacia da inxección anticonceptiva?
-A aminoglutetimida usada na síndrome de Cushing pode diminuír a súa eficacia.
-A inxección non interactúa con outros fármacos. Os antibióticos, polo tanto, non modifican a eficacia da
inxección anticonceptiva.
-A inxección é un método adecuado en caso de epilepsia, xa que posúe propiedades anticonvulsivas e non
interactúa cos fármacos antiepilépticos.
8. ¿Cando se debe poñer a primeira inxección?
Existen 2 opcións:
-Habitualmente a inxección adminístrase entre os días 1º e 7º desde o inicio da regra. Desta forma a
inxección é efectiva desde o primeiro día, polo que non é necesario usar ningún método anticonceptivo
adicional.
-Tamén se pode administrar a inxección en calquera momento do ciclo (quick start), sempre que se
descarte a existencia dun embarazo. Usada así a inxección tarda 7 días en ser efectiva, polo que durante a
primeira semana débese utilizar un método anticonceptivo adicional (preservativo), no caso de ter
relacións sexuais.
9. ¿A partir de que momento é eficaz?
-Se se administra a inxección nos primeiros 7 días desde o inicio da regra, xa é eficaz desde o primeiro día.
-Se se empeza a usar a inxección noutro momento do ciclo, tarda 7 días en ser eficaz. Polo tanto, nos 7
primeiros días é necesario usar outro método anticonceptivo adicional (preservativo), se se manteñen
relacións sexuais.
10. Se levo tempo usando a inxección, ¿debo facer un período de descanso?
-Non. Os períodos de descanso, se non se usa adecuadamente outro método anticonceptivo, aumentan o
risco dun embarazo non desexado.
-A inxección pódese seguir usando sen un límite máximo de tempo sempre que se estea a gusto con ela e
non existan contraindicacións médicas.
11. ¿Existe un límite de idade para usar a inxección?
-Non. En ausencia de contraindicacións, a inxección pode administrarse ata a menopausa.
-De todas formas, algunhas sociedades científicas aconsellan non usala máis alá dos 50 anos, xa que a
partir desta idade a probabilidade de embarazo é moi baixa, e a inxección aumenta o risco cardiovascular e
o risco de perda de masa ósea.
12. ¿Poden tomala as adolescentes?
-As adolescentes, como o resto das mulleres, poden usar a inxección sempre que non existan
contraindicacións.
-Debido á posible diminución da densidade mineral ósea, recoméndase unha adecuada inxestión de calcio
e vitamina D, realizar exercicio físico de maneira regular e evitar o consumo de tabaco e alcol.
13. ¿Que pasa se me poño unha inxección estando embarazada?
Non existe evidencia de que a inxección produza malformacións no bebé ou complicacións no embarazo.
14. ¿Pode causar infertilidade?
-Non, pero o retorno á fertilidade pódese atrasar de 6 a 10 meses desde a última inxección. Polo tanto, a
inxección non se recomenda se se ten previsto buscar embarazo en menos dun ano.
-Máis do 80 % das mulleres quedan embarazadas nos 12 meses posteriores á última inxección.
-O atraso no retorno á ovulación non se relaciona co tempo de uso, e é maior nas mulleres con sobrepeso,
podendo chegar nunha pequena porcentaxe de casos aos 15 meses.
15. ¿Protexe fronte ás infeccións de transmisión sexual (ETS)?
Non. O preservativo é o único método que protexe fronte ás ETS. Polo tanto, nas relacións de risco, débese
usar tamén sempre o preservativo.
16. ¿Ten efecto sobre o desexo sexual?
Na maior parte das mulleres a función sexual non experimenta cambios e mesmo mellora, xa que
desaparece o medo a un embarazo non desexado. Non obstante, nunha minoría de mulleres pode
ocasionar diminución do desexo sexual.